Durante unha visita ás instalacións do grupo, onde se reuniu co presidente de CITIC HIC, Yu Zhangfa, Feijóo incidiu na competitividade da Comunidade galega como o mellor aval da súa candidatura para que a empresa chinesa desenvolva novos proxectos, novas fábricas e cree novos postos de traballo.
“Tivemos unha longa xornada de traballo que nos ocupou toda a tarde de onte, a cea e o almorzo de hoxe”, subliñou, afirmando que con esta xuntanza se estableceron pontes de confianza entre o que é o primeiro grupo empresarial de China e o Goberno galego.
Feijóo explicou, ademais, que outro dos obxectivos do encontro foi a confirmación da consolidación do investimento de CITIC Censa en Galicia, non en van, o grupo está presente na Comunidade desde que en 2011 adquirira o 100% da empresa Gándara Censa S.A., especializada en caldeirería e situada no Porriño. “O presidente da compañía amosounos o seu compromiso de manter o investimento, de incrementalo e de consolidalo dentro do tecido industrial de Galicia”, aseverou.
O presidente do Goberno galego concluíu a reunión agradecendo a oportunidade de coñecer máis de preto o traballo e os obxectivos desta multinacional con presenza en Galicia e expresou o seu optimismo ante unha decisión que a empresa tomará a finais de ano. “Ímonos optimistas e confiados en que CITIC HIC siga en Galicia e poida ampliar as súas instalacións, os seus investimentos e o seu cadro de persoal na Comunidade. A candidatura de Galicia está xa formalmente presentada e as relacións de confianza entre o grupo e o Goberno galego quedaron concretadas”, explicou, destacando a boa acollida, por parte da empresa, da delegación galega formada polo presidente do Executivo galego e o equipo económico da Xunta.
Con máis de 170.000 empregados, CITIC é actualmente a maior empresa de China e unha das maiores multinacionais do mundo, presente en 53 sectores da economía, desde maquinaria pesada e fundición, ata seguros, inmobiliarias ou saúde.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe Galicia ante o grupo CITIC como a mellor opción para seguir ampliando os seus investimentos en Europa.
Please login to join discussion