A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propuxo hoxe no Consello Galego de Universidades (CGU) comezar a traballar o vindeiro mes de setembro na posibilidade de adiantar ao mes de xullo a realización da proba extraordinaria de acceso á universidade, que ata o momento se vén realizando en setembro. En calquera caso, e para evitar sucesivos cambios no calendario educativo, o cambio afectaría por primeira vez ao alumnado que se matricule en 2º de bacharelato no curso 2018/19 que, no caso de saír adiante esta reforma, podería realizar esa proba en xullo de 2019.
O obxectivo é iniciar as conversas coas tres universidades galegas, a través da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), tras o verán, co fin de analizar a oportunidade do cambio á luz dos acordos que se tomen no marco do Pacto Educativo que se está a negociar a nivel estatal. Este contexto nacional, así como a necesidade de acadar o máximo consenso arredor desta medida, recomendan a non aplicación desta modificación xa para o vindeiro curso. Desta forma, ademais, o alumnado terá tempo dabondo para coñecer os cambios con anterioridade.
No caso de que se acordase adiantar a proba extraordinaria, a Consellería adaptaría as probas de recuperación de 2º de Bacharelato ás datas nas que a proba de acceso se realizase.