O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha o Plan estratéxico para a abordaxe da hepatite C no Sistema Nacional de Saúde. Así afirmou Almuiña no marco da sesión Políticas de Saúde Pública de Hepatits C en Galicia.
Ao analizar os resultados dos tratamentos, o conselleiro destacou unha efectividade global dos antivirais de acción directa do 95,20% e que esta cifra ascende ao 97,09% se non se contabiliza aos doentes que non remataron o tratamento por causas diversas.
Almuiña destacou o importante traballo dos facultativos de medicina e enfermería.
Os avances nos últimos anos, e a rápida incorporación de novidades terapéuticas e de novos ADD incluídos no financiamento do Sistema Nacional de Saúde, fixeron necesario contar cun Plan para abordar a Hepatite C de forma homoxénea entre todas as comunidades.
Naceu así o Plan Estratéxico para a abordaxe da hepatite C no Sistema Nacional de Saúde, que aborda a prevención, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dos pacientes. Ademáis, establece a obrigatoriedade de facer un rexistro de tratamentos e características clínicas e poboacionais dos pacientes, neste senso Almuiña agradeceu “a implicación e dedicación dos nosos facultativos no rexistro desta actividade no VIXIA-HC, que é a ferramenta que nos permite constatar o éxito desta iniciativa na nosa comunidade”.
O Sergas participa no Comité Institucional no que se analizan e propoñen as liñas de acción comúns a desenvolver nas distintas Comunidades Autónomas en relación co despregue de todas as estratexias recollidas no plan nacional.
Este plan, en principio con vixencia de tres anos, ten como obxectivo diminuír a morbi/mortalidade causada polo virus da hepatite C (VHC) abordando eficientemente a prevención, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dos pacientes.
https://www.youtube.com/watch?v=0dGr6yDNa_I