O conselleiro de Cultura, Educación e O.U., Román Rodríguez, acompañado por responsables técnicos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio reunirase o próximo mércores e xoves cos alcaldes dos tres concellos con titularidade administrativa sobre os arquipélagos de Ons, Sálvora e Cortegada que, canda as Cíes, conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Tralo rexeitamento do alcalde Vigo, Abel Caballero, que por segunda vez nunha semana rexeita a petición “cordial e leal” do titular de Cultura par participar da reunion, desde a Xunta de Galicia, e ante a comentada negativa de Abel Caballero, contactouse cos alcaldes dos outros tres concellos con titularidade administrativa sobre os devanditos arquipélagos que, canda as Cíes, conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas, solicitándolles a celebración desta xuntanza inicial na que presentarlles a documentación da candidatura e dialogar ao redor da mesma. De ditos contactos tamén se lle informou “por lealtade institucional” ao propio Abel Caballero.
Desde o departamento dirixido por Román Rodríguez lémbrase que se segue aberto á máxima cooperación institucional de todos os implicados, nunha candidatura de integración na que as Cíes terán un papel principal de cara á consecución da inclusión das Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas na Lista Indicativa da Unesco do Patrimonio Mundial, lembrando que é un proceso longo e complexo, no que resulta básico sumar o máximo consenso.
Neste sentido, confíase que en breve se poida manter unha reunión inicial co alcalde de Vigo no que se achegará toda a documentación precisa e se dialogará con pragmatismo, para acadar unha suma de vontades que contribúa á consecución do obxectivo compartido da declaración como Patrimonio da Humanidade das Cíes en conxunto co Parque Nacional Illas Atlánticas.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia quere en todo caso acadar un acordo dialogado arredor dunha candidatura de integración e de consenso, tendo moi en conta que as Illas Cíes son un elemento esencial e principal dentro de todo o que representa o Parque Nacional das Illas Atlánticas. De feito, xa se fixeron xestións no Ministerio que avalían a reformulación da candidatura como Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas.
En calquera caso, disponse de tempo suficiente para dar todos os pasos precisos, sen precipitación nin xerar malos entendidos que poderían prexudicar a candidatura e afectar ao obxectivo común.