O Plan Único contribuirá a reducir a débeda dos concellos da comarca do Barbanza en 749.812,47 euros

A Deputación da Coruña, a través do Plan Único, destina este ano un total de 749.812,47 euros para reducir a débeda dos concellos da comarca do Barbanza con entidades financeiras.
Boiro, Carnota, Lousame, Muros, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira foron os oito concellos da zona que este ano solicitaron parte dos fondos do novo plan provincial para sanear as súas economías.
O Plan Único, dotado con 74 millóns de euros, que supoñen o maior orzamento nun plan na historia da Deputación, integra nunha soa convocatoria anual programas coma o POS, o PAS e o PAI e 11 liñas de subvencións, e ten coma un dos seus obxectivos estratéxicos completar o saneamento das economías dos 93 municipios coruñeses nun prazo de dous anos, segundo afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
O presidente provincial sostivo que o Plan Único continúa a liña iniciada co Plan de Aforro e Investimento (PAI) que achegou máis de 17,1 millóns de euros aos concellos coruñeses para este fin, dos cales 1.893.000 corresponden á comarca do Barbanza.
En total, as axudas concedidas pola Deputación nos últimos dous anos para que os concellos da zona de Barbanza, Muros e Noia amorticen a súa débeda ascenden a 2.642.815,13 euros.
Entre as medidas destinadas a mellorar a situación financeira dos concellos coruñeses, o Plan Único incorpora tamén axudas para reducir a débeda dos concellos coas empresas subministradoras e reducir o período medio de pago a provedores. As bases do plan establecen a obriga de pagar aquelas facturas que excedan en máis de 90 días os prazos de pago que establece a lexislación vixente.

Un total de 24 concellos da provincia destinarán parte dos recursos que reciben a través do Plan Único a facer fronte aos pagos a provedores, por un importe total de 3.085.899,71 euros. Na comarca do Barbanza, os concellos que solicitaron fondos para este fin foron Carnota (147.941,70), Lousame (14.636,44), Muros (10.681,53), Noia (216.442,44), Porto do Son (10.310,97) e Rianxo (328.238,05).

Salir de la versión móvil