A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, vén de aprobar a resolución de incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural as técnicas construtivas da carpintería de ribeira como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia. A presente orde administrativa determina a inscrición preventiva destas técnicas como manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e a comunicación ao Inventario Xeral do Patrimonio Cultural Inmaterial do Estado para a súa correspondente anotación preventiva.
O procedemento recolle unha serie de medidas de salvagarda como son a creación dun órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintería de ribeira, un censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia ou a inclusión das carpinterías de ribeira de especial interese no Censo do Patrimonio Cultural e iniciativas de investigación e difusión.
Tras a publicación da resolución, ábrese un período de información pública de tres meses.
Para o impulso desta iniciativa, desde a Xunta tívose en conta a actividade ininterrompida durante máis de dúas décadas de grupos e asociacións en prol da conservación e o fomento do uso das embarcacións tradicionais e dos barcos históricos en Galicia. Actividade principalmente manifestada tanto na celebración 12 edicións bianuais dos Encontros de embarcacións tradicionais de Galicia, que contribúen ao mantemento e navegabilidade dos barcos; como nas iniciativas de máis de 40 asociacións que se teñen materializado na recuperación de contidos, experiencias, fenómenos, lugares, técnicas e mesmo embarcacións. Todo este traballo supuxo un incremento da valoración social destas embarcacións, polo indubidable atractivo que xera a difusión da cultura marítima e a presenza destes barcos nas augas e nos portos galegos.
A capacidade técnica para a construción de embarcacións en Galicia está presente desde momentos moi antigos na historia, como as manifestacións dos petróglifos do río Vilar en Oia ou da Borna en Moaña que poden representar as primeiras embarcacións documentadas en Galicia.
https://www.youtube.com/watch?v=TFCZa0-61xQ