Durante o acto de entrega das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2017, Feijóo destacou o deporte como un dos maiores instrumentos de integración e cohesión social e referiuse aos galardoados como un orgullo de Galicia. Feijoo afirmou que Galicia contará cunha comisión de control da violencia para dar cobertura ás denuncias nas competicións deportivas locais e autonómicas.
Ao respecto, enxalzou a traxectoria de deportistas como Alfonso González Alonso, Raimundo Fernández ou dos irmáns Centeno, que participaron nos Xogos Olímpicos de Barcelona, ou de Margarita Dans ou Nela Souto, que non o puideron facer, pero que xa lle abriran camiño ao deporte galego nas décadas anteriores. Así mesmo, recordou a precursoras como Cristina Fernández Piñeiro, a primeira muller en arbitrar un partido da Liga Asobal; como Lourdes Domínguez Lino, que entrou no top 50 do tenis mundial cando ningunha galega o fixera antes; ou como Fina Castiñeira, que xa xogaba ao baloncesto no Lugo da posguerra.
Agora que se cumpre medio século do primeiro partido de fútbol feminino en Galicia, Feijóo expuxo a necesidade de facer un recoñecemento a todas aquelas mulleres, moitas delas anónimas, que deron un paso á fronte para demostrar que o deporte non discrimina. “Grazas, pola vosa valentía”, aseverou, facendo unha mención especial a Chelo Vara, “que tanto fixo polas súas alumnas e polo voleibol galego”.
Xunto a ela, o presidente da Xunta resaltou outros “heroes cotiáns como Félix Villares, Alexander Kachelaev, o Padre Simón ou Manuel Conde que axudaron a dignificar o deporte escolar e as categorías inferiores para abrirlles o espazo que merecen na nosa sociedade”.
Nese esforzo por educar en valores a través da actividade física tamén recoñeceu o labor de institucións como o Real Club de Tenis da Coruña, que conta coa escola de formación máis grande de Galicia, ou o Club Natación Pabellón, tras 45 anos organizando o Trofeo Pedro Escudero.
Feijóo afirmou que, xunto a eles, outros grandes deportistas xa retirados, como Marta Alastrué, Guillermo Fernández Duarte ou Manuel Ríos Manolete, demostraron coas súas xestas que en Galicia non hai disciplina que se dea mal. .
https://www.youtube.com/watch?v=rURSX-ow4vY