Beatriz Mato destaca que a nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía será unha das máis ambiciosas e completas de España

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que a nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía será unha das máis ambiciosas e completas de España. Así o puxo de manifesto esta mañá na súa intervención do Parlamento de Galicia, onde puxo en valor a importancia do novo texto lexislativo.

A conselleira de Medio Ambiente afirmou que se trata dun dos textos lexislativos máis avanzados e completos de España, polo ámbito no que lexisla e as obrigas que establece; e recordou que a lei está concibida para loitar contra o abandono e maltrato animal, no só como a violencia exercida sobre os animais, senón que tamén se teñen en conta as condicións hixiénicas e sanitarias nas que viven e as necesidades etolóxicas para o seu desenvolvemento.

Mato Otero avanzou que os avances máis inmediatos serán a posta en marcha dunha campaña de esterilización para minorar o número de animais abandonados, mediante o control reprodutivo das poboacións, e a creación dunha liña de axudas para o fomento de actuacións para á protección e benestar dos animais de compañía por parte de concellos e asociacións protectoras. Estes son os avances máis inmediatos que se levarán a cabo en relación con esta materia, xunto co inicio da elaboración do regulamento que desenvolverá a lei, no momento no que o Parlamento lle de o visto bo ao texto e que estará listo no prazo máximo dun ano.
Todas estas ferramentas buscan cumprir co triplo obxectivo que se fixa coa nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía: a persecución do maltrato animal, en todas as vertentes nas que se presenta; a loita contra o abandono dos animais, promovendo a súa adopción; e o fomento da concienciación da sociedade galega polo benestar animal, favorecendo na nosa comunidade autónoma condutas responsables no respecto, defensa dos animais e a súa tenza responsable.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.