A portavoz de Pesca Montse Prado defendeu no Parlamento a exclusión do xeito do plan de recuperación da sardiña e demandou do Goberno da Xunta que exerza as súas competencias para protexer ás 416 embarcacións que utilizan esta arte de pesca artesanal sen incidencia sobre a pesquería, que proporciona ingresos adicionais aos tripulantes.
Na Comisión de Pesca, Prado denunciou o disparate que implica tratar esta flota cos mesmo criterios que á pesca industrial cando se trata de embarcacións que non superan de medio os 7 metros de eslora e cuxa tripulación é, como moito, de tres persoas .
A deputada criticou a inacción da Xunta á que reclamou que exerza as súas competencias posto que a maior parte desta flota faena en augas interiores.