A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou este mediodía que o post Brexit é a ocasión ideal para revisar o principio de estabilidade relativa o que permitiría obter beneficios importantes para o futuro do sector pesqueiro galego”. Así o explicou a titular do departamento marítimo na inauguración da feira Expomar de Burela, que se celebra nesta vila mariñeira ata o vindeiro domingo.
Na inauguración deste certame, a conselleira explicou que saída do Reino Unido da Unión Europea, abre a porta para poder revisar o principio de estabilidade relativa que rexe o reparto de TAC e cotas pesqueiras na UE.
Precisamente a consecución de máis cotas para o sector pesqueiro galego é “a nosa principal liña de traballo na adecuación da Política Pesqueira Común”, sinalou titular de Mar, ao tempo que se comprometeu a traballar xunto co Goberno central por un aproveitamento íntegro das cotas de pesca e en mellorar a súa xestión de maneira que se permitan maiores posibilidades de pesca para Galicia.
Así, lembrou que se seguirá traballando pola consecución de máis posibilidades de pesca para todas as frotas, pero recordou que “non é unha unha decisión que dependa en exclusiva do Goberno galego”. Non obstante, explicou que o seu departamento será o responsable de desenvolver unha estratexia ante a Unión Europea capaz de facer valer unha suba xeral das cotas de pesca” que garanta o futuro do sector.
Nesta liña recalcou que así se veu traballando nos últimos anos e así o amosa o incremento acadado pola primeira venda de peixe e marisco, que no 2016 foi de 491 millóns de euros pola descarga de 188.600 toneladas, “a mellor cifra dos últimos 20 anos”, sinalou a conselleira. Ademais, tamén salientou que dende o 2016 aumentaron as afiliacións ao Instituto Social da Mariña e que se deron de alta no sector do mar 274 persoas,segundo os datos de febreiro deste ano.
A titular de Mar cualificou este certame como “un punto de encontro tan relevante como necesario para os profesionais do sector mariño, de ampla proxección xa consolidada”. Ao fío disto, trasladou que un firme indicador da importancia de Expomar é a demostración do crecemento paulatino e constante desta feira, que nesta edición acolle a 118 expositores nos que están representados unhas 300 firmas empresariais.
https://www.youtube.com/watch?v=eZjhYC43x3k