Feijóo avanza unha achega de 70 millóns para estender o plurilingüismo e promover o seu ensino integral desde infantil ata a universidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 70 millóns de euros ata 2020 para estender o plurilingüismo e promover o seu ensino integral desde infantil ata a universidade.
Na rolda de prensa do Consello, Feijóo destacou que esta iniciativa é o obxectivo central da nova Estratexia galega de linguas estranxeiras que estenderá os beneficios do plurilingüismo ao 100% dos alumnos do ensino obrigatorio galego.
Entre os obxectivos a nivel cuantitativo, o titular da Xunta destacou: conseguir que o 50% dos centros galegos de ensino sexan plurilingües; crear 600 novas seccións bilingües para que todos os centros de Galicia teñan unha; e duplicar o número de auxiliares de conversa –de 500 a 1000-.
Así mesmo, afirmou que o plan promove a extensión do plurilingüismo á educación infantil, que permitirá que os alumnos de entre 3 e 6 anos comecen a incorporar a lingua estranxeira ata nunha terceira parte das áreas curriculares; e a extensión do plurilingüísmo tamén á FP, de xeito que o alumnado curse ata unha terceira parte do ciclo formativo no idioma estranxeiro, “e así dispoñan de formación e facilidades para certificar o nivel B1 ou B2”.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.