O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu hoxe ao presidente da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), José María Marín Quemada, o compromiso de estudar mecanismos que palíen o problema do prezo dos carburantes na Comunidade.
Durante a xuntanza, marcada pola cordialidade e co obxectivo de profundar na colaboración mutua, ambos os dous avaliaron o problema que coloca a Galicia como a terceira comunidade co gasóleo máis caro antes de impostos, unha responsabilidade exclusiva das compañías privadas, encargadas de fixar estes prezos.
Sobre este punto, e a modo de exemplo, Feijóo recordou que o gasóleo antes de impostos en Galicia é un 5,4% máis caro que en Cataluña, pese a ter a mesma tributación que a Autonomía galega.
Diante desta situación, ambos os dous concordaron na anormalidade dos prezos e estiveron de acordo na necesidade de tomar decisións no prazo máis breve posible. Ao respecto, destacaron como un dos puntos máis útiles estreitar a colaboración cos concellos para facilitar a localización de gasolineiras que intensifiquen a competencia, ademais da intención de continuar coas conversacións a nivel técnico.
O responsable do Goberno galego trasladou ao presidente da CNMC que a Xunta, pola súa banda, está a poñer todos os medios ao seu alcance para fomentar a competencia e abaratar os prezos dos carburantes, simplificando os trámites para abrir novas gasolineiras, reforzando o control para que os operadores non superen o 30% da cota do mercado e rebaixando os custos do solo empresarial para a instalación de novas estacións.
Así mesmo, recordou que Galicia xa devolve o 100% do céntimo sanitario ao conxunto do transporte profesional.
Ao longo da reunión, Feijóo e o presidente da CNMC coincidiron ademais na necesidade de reforzar o traballo conxunto na procura de avanzar nas políticas de protección ao consumidor en todos os eidos cotiáns.
O presidente da Xunta e o responsable da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia acordaron tamén abrir unha rolda de conversacións para chegar a un punto de entendemento tras as discrepancias xurdidas acerca do Decreto de vivendas de uso turístico.
https://www.youtube.com/watch?v=YlgRYNvKgyw