O Concello de Lousame logrou un remanente total de Tesourería para gastos xerais de 102.608,2 euros e un aforro neto de 168.163,38 euros. Son datos ofrecidos na última sesión plenaria pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante a dación de conta do expediente de liquidación do Orzamento do 2016.
Villaverde salientou que o resultado orzamentario era positivo, 136.808,76 euros, e que o Concello de Lousame cumpre co principio de estabilidade orzamentaria. Porén, lamentou que o Concello incumpra a regra de gasto en 130.000 euros debido á inclusión das obras do Plan de Aforro ao Investimento (PAI) da Deputación Provincial.
Todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade (PP, PSOE e BNG –xa que Terras de Lousame se incorporou na quenda de mocións e rogos/preguntas) e serviron para destinar os 102.608,2 euros de remanente de Tesourería a dúas modificacións de crédito para o pago de facturas a provedores.