O Concello de Lousame bonificará o 95% da cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) naquelas edificacións onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario e reducirá o tipo de gravame para rústica e urbana. Unhas medidas que serán aprobadas na sesión plenaria de hoxe venres, tal e como anunciou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante unha xornada informativa celebrada este xoves na Casa da Cultura, á que asistiron case un cento de veciños e veciñas.
Villaverde Pais explicou que “dende a Alcaldía proporemos este venres ao Pleno Municipal unha modificación na ordenanza do IBI para reducir o tipo de gravame para os inmobles de natureza rústica, que pasará do 0,65% ao 0,45%, e para os de natureza urbana, que pasarán do 0,55% ao 0,50%”. Así mesmo, o Pleno aprobará unha bonificación do 95% do IBI para os inmobles nos que se desenvolven actividades agrarias e gandeiras, “pois consideramos que é un sector estratéxico para o nosos territorio e porque Lousame é un concello plenamente rural”, indicou a alcaldesa.
A rebaixa vaise aplicar dende xaneiro de 2018” e segundo explicou a alcaldesa, estas medidas “son as únicas que pode asumir o Concello, dentro das súas competencias legais, para paliar os efectos que a Regularización Catastral poidan ter sobre as familias de Lousame”. Así mesmo, fixo fincapé en que é o veciño/a quen ten que solicitar a bonificación, xa que a Lei non lle permite ao Concello outorgarlla directamente de oficio: ten que ser cada propietario/a o que se dirixa ao Concello para solicitala.
Finalmente, a alcaldesa explicou que case catrocentos veciños e veciñas fixeron uso do servizo de asesoramento gratuíto sobre o proceso de regularización catastral posto en marcha polo Concello de Lousame entre os días 2 e 18 de maio. “Hai máis de 120 alegacións presentadas e, se precisades axuda para presentar algunha máis, podedes acudir ao Concello”, apuntou Villaverde Pais.
https://www.youtube.com/watch?v=cVrSA0kV0Ro