Deputación Da Coruña

A Deputación da Coruña levará a exposición “Os mundos de Casares” a Compostela, Ribeira, A Coruña e Arzúa

Producida pola Fundación Carlos Casares, a exposición “Os mundos de Carlos Casares” é unha mostra que ten como obxectivo presentar a vida e a obra do escritor ao que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas.

A mostra, comisariada por Adolfo Garrido e Chus Martínez, conta cun deseño expositivo modular a cargo do estudo de arquitectura Creus&Carrasco e recolle pezas e documentos que relatan o percurso persoal do escritor ademais de pezas audiovisuais elaboradas por Andrea Vázquez.

A través de cinco espazos, a mostra permite coñecer as distintas etapas e facetas de Carlos Casares, desde a súa rica produción literaria, á faceta xornalística ou de dinamización cultural e traxectoria política e institucional. “A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que nos permitirá revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares, que aspira conectar coas xeracións máis novas”, sinalan Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez, que se encargaron do comisariado da mostra producida pola Fundación Carlos Casares.

“Os mundos de Carlos Casares” visitará, co apoio da Deputación da Coruña, nos concellos de Santiago de Compostela, que estará aberta o vindeiro 30 de maio, Arzúa, Ribeira e A Coruña.

https://www.youtube.com/watch?v=ICtoFvfxL70

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.