Cultura convoca 500.000 euros en axudas para mellorar a rede de equipamentos culturais dos concellos

A Consellería de Cultura e Educación promove a mellora da rede de equipamentos culturais de Galicia cunha nova convocatoria de axudas dotada economicamente con 500.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases desta liña de subvencións destinada ás corporacións locais e ás súas entidades públicas e que ten por obxecto adecuar as instalacións e locais municipais utilizados para a realización dunha actividade cultural estable, tanto no que respecta á mellora do equipamento como á dotación técnica. As bases desta convocatoria de axudas poden consultarse en http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170529/AnuncioG0164-160517-0001_gl.html

Mellora do equipamento e das condicións técnicas
Concretamente, a dotación das axudas destinarase á realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual e xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade, novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas públicas municipais, así como a accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e á supresión de barreiras arquitectónicas.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería será de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 90% do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000 euros ascenderá a 35.000 euros cando se trate de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local. O prazo para a presentación comezará mañá, 30 de maio, e prolongarase durante un mes.

A través desta convocatoria de subvencións, a Secretaría Xeral de Cultura apoiou en 2016 un total de 91 proxectos municipais destinados a mellorar locais e instalacións de toda Galicia nos que se vén desenvolvendo unha programación cultural estable. A través de convenios de colaboración, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo tamén colaborou o pasado ano na renovación do equipamento do Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, do Concello de Curtis, co acondicionamento do Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira, no Concello de Silleda.

Na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, ademais de realizar diferentes accións nos centros de xestión autonómica de Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Lugo e Vigo para mellorar a accesibilidade, a iluminación ou os andeis, o Goberno galego subscribiu cadanseu convenio cos concellos de Lalín e de Mondariz para dotar de mobiliario a nova biblioteca lalinense e a recentemente rehabilitada de Mondariz, cun investimento total de 70.000 euros.

Para impulsar a dinamización cultural do país, a Xunta de Galicia vén promovendo estas axudas de mellora das condicións de equipamento e das condicións técnicas dos locais municipais cos obxectivos de abrir as súas ofertas culturais ás diferentes manifestacións artísticas, de facilitar o reequilibrio territorial na distribución cultural e de tratar de contribuír ao desenvolvemento cultural das zonas menos poboadas.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.