O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta está xa a elaborar unha estratexia de FP para a vindeira década co obxectivo de convertela nun elemento clave para a creación de emprego. Con esta finalidade avogou por seguir coordinados co tecido socioeconómico e avanzar nas melloras dos centros.
O responsable do Goberno galego referiuse ao Congreso de Innovación na Formación Profesional como a proba de que a FP está a ser un elemento fundamental do noso sistema educativo. Non en van, hoxe, Galicia ten un 50% máis de matriculados na FP que no curso 2008/09; a formación profesional galega ten máis alumnos matriculados que o bacharelato; e segundo o último estudo sobre inserción laboral, 8 de cada 10 titulados de ciclos están a traballar.
O presidente destacou a necesidade de que a FP estea conectada con aqueles sectores estratéxicos para o crecemento da economía galega, como poden ser a domótica, os avións non tripulados ou a Industria 4.0. Así, referiuse á FP dual como un “obxectivo de Goberno”, resaltando ademais a potencialidade dos centros para a formación de desempregados, como se está a facer desde fai uns meses.
Durante a inauguración do congreso o presidente da Xunta agradeceu o traballo dos máis de 280 centros que imparten ciclos na Comunidade e subliñou que hoxe a FP en Galicia se caracteriza pola súa calidade, flexibilidade e espírito innovador.
Ao respecto lembrou que “xa son 60 os proxectos emprendedores impulsados nos 20 centros que forman a Rede Galega de Viveiros de Empresa”, afirmou ao que engadiu que moi pronto esta rede crecerá ata sumar 26 centros.
Así mesmo, Feijóo destacou algunhas das iniciativas presentadas neste segundo congreso FP Innova Galicia, entre un total de 40, nas que participaron 23 centros educativos e 30 empresas, como un simulador de envorcado de vehículos e de rescate das vítimas; unha plataforma para que as persoas con problemas de mobilidade poidan desprazarse mellor por áreas comerciais; unha iniciativa de deseño e construción de robots para competicións; ou un proxecto de investigación sobre os usos culinarios e turísticos da camelia.
https://www.youtube.com/watch?v=sTkzCV2Eiv8