O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o plan de dinamización da lingua na xuventude para promover o uso do galego no eido familiar, na tecnoloxía, no lecer e nas actividades extraescolares.
En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara galega, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá comprometida coa Lei de normalización lingüística, traballando para unir, non para dividir, e para construír, facendo fincapé na necesidade de excluír a lingua galega da loita partidista.
Durante a súa intervención, Feijóo lembrou tamén a posta en funcionamento o pasado ano do primeiro plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, un plan feito en colaboración coa Real Academia Galega, co Consello da Cultura Galega e cos axentes implicados no sector económico, que ten como principal obxectivo aumentar a presenza do galego na economía e xeneralizar a convicción de que o galego é útil tamén no eido empresarial.
O responsable do Executivo autonómico afirmou que a Xunta seguirá traballando comprometida co bilingüismo cordial e en colaboración coa RAG, co Consello da Cultura Galega e co Instituto da Lingua Galega.
Ao respecto, e a modo de exemplo, destacou a renovación no Consello de mañá xoves de varios convenios de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Universidade Complutense de Madrid e a Universidade de Deusto/Deustuko Univertsitatea, para a docencia, a investigación e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas.
Feijóo concluíu subliñando que o galego goza, na actualidade, do nivel de coñecemento máis alto de todas as linguas cooficiais de España, como reflicten os datos do Instituto Galego de Estatística: o 97,5% da poboación na Comunidade fala galego -moito, bastante ou pouco-, fronte ao 2,5% da poboación que non sabe falar galego.