Icono del sitio CanalBarbanza.com

A EFM CONCELLO DE BOIRO SUFRIU PARA CONSEGUIR O EMPATE ANTE O ATLÉTICO SAM PEDRO

Xornada con moitas emocións a vivida esta fin de semana en Vista Alegre. A EFM Concello de Boiro disputou a sétima xornada da Terceira Federación feminina na que puido conseguir un punto, aínda que moi sufrido. O Atlético San Pedro visitou o campo boirense do que se levou un punto ao aproveitar a súa superioridade numérica e dous erros locais.

As boirenses saíron ao verde coas ideas claras, e dominaron o xogo desde o asubío inicial. Tiñan a posesión e xeraban perigo o que se traduciu no primeiro gol da tarde que subiu ao marcador no minuto 24, obras de Iria Otero. As xogadoras adestradas por Miguel Ángel Ramos querían máis e pasada a media hora de xogo ampliaron a súa vantaxe despois do tanto de Carla Sanda. Pero no 39 as visitantes acurtaron distancias ao converter un erro na cesión atrás do Boiro no 2-1. E no 44 Margarita Pombo viu a segunda amarela logo dunha falta, expulsión que deixou ao cadro local cunha xogadora menos no verde.

As boirenses xogaban con inferioridade, pero mantiveron o seu estilo e xeraron ocasións, aínda que non conseguiron ampliar a súa renda. Pero o Atlético San Pedro aproveitou unha xogada illada para converter unha imprecisión da defensa local no 2-2 que subiu ao marcador no minuto 75. As locais non cesaron no seu intento de anotar o terceiro, pero o electrónico mantivo o empate co asubío final. Un punto que sabe a pouco á EFM Concello de Boiro polo visto no campo, pero que permite puntuar de novo ao equipo que pechou a xornada no noveno lugar.

Esta fin de semana as boirenses visitan ao Victoria, partido que se disputará o 1 de novembro en Santa Isabel.

Salir de la versión móvil