Deputación Da Coruña

A Deputación financia con 140.177 euros unha senda peonil entre Aguiño e Carreira

A Deputación da Coruña destina 140.177 euros para a construción dunha senda destinada a mellorar a seguridade vial dos peóns na estrada provincial DP 7306 de Aguiño a Carreira pola Graña, no concello de Ribeira, e que suporá un investimento de 140.177 euros.
As obras de construción desta senda saen hoxe licitación, respondendo así a un dos compromisos adquiridos durante a reunión mantida entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, o pasado verán.
A nova senda peonil discorrerá nun treito de arredor de 580 metros, entre Cares e A Graña, onde enlazará con outra beiravía construída recentemente pola Deputación e que conecta co lugar de Vixán.
Esta zona está comprendida dentro do ámbito da Rede Natura, polo que para a súa construción empregaranse materiais acordes coa contorna na que se sitúa. Actualmente conta cun pavimento de terra compactada que fai que se formen charcos que dificultan a circulación dos viandantes, nunha estrada que conta cun intenso tráfico de vehículos, o que xustifica a construción desta nova infraestrutura co obxecto de mellorar a seguridade dos viandantes.
A nova senda construirase con aglomerado asfáltico, ampliando a zona de paso onde sexa posible para que os peóns poidan transitar sen riscos. O ancho mínimo será de 1,50 metros no tramo sinalado e contará con beiravías de ancho variable, cun máximo de 0,50 metros.
Antes da construción da senda, limparase a zona e demoleranse as soleiras existentes, que dan paso aos predios e vivendas limítrofes. Posteriormente, adaptaranse os portais entrada aos soares á nova rasante da senda peonil.
O proxecto contempla ademais a construción dunha rede de drenaxe de pluviais con tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro en paralelo á senda con arquetas e sumidoiros.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.