Icono del sitio CanalBarbanza.com

XORNADA DE CONTRAPUNTOS PARA OS EQUIPOS DA COMARCA NA PREFERENTE

A nota positiva da fin de semana asinouna o Puebla, que logrou darlle a volta a un encontro que se lle puxera costa arriba no campo de A Alta diante do Burela. Malia que os visitantes se adiantaron no minuto 38, o conxunto pobrense reaccionou de inmediato e logrou igualar o marcador catro minutos despois grazas a un tanto de Iker Carril. Tras o descanso, a intensidade dos locais tivo premio no minuto 48, cando Diego Bendaña puxo por diante ao equipo ao transformar un penalti, mentres que Eduardo Abeijón sentenciou o choque no 55 co 3-1. Malia que o Burela recortou distancias xa no tempo de desconto, o 3-2 final permítelle ao Puebla sumar nove puntos en cinco xornadas e colocarse na zona media da táboa.
A sorte foi moi diferente para os outros dous representantes da zona. O C.F. Noia cedeu no seu campo por 1-2 ante o S.D. Negreira, o líder e conxunto máis en forma da competición. Os visitantes encamiñaron o triunfo xa na primeira metade con dous tantos, o primeiro deles aos oito minutos e o segundo ao fío do descanso por medio de Iván Calvo. Aínda que os noieses volveron dos vestiarios coas forzas renovadas e lograron recortar diferenzas na segunda parte, non foron quen de acadar o empate, quedando asentados na sexta posición da táboa con dez puntos.
Pola súa banda, o Dumbría sufriu un duro golpe na súa visita ao C.S.D. Arzúa ao caer goleado por 4-1. Malia que o conxunto visitante comezou dominando e se puxo por diante no minuto 9 cun gol de Sergio Fernández, os locais reaccionaron de inmediato igualando a contenda en apenas dous minutos. A partir dese momento, o Arzúa amosouse imparable entre os dous tempos e acabou pechando un traballado marcador que deixa ao Dumbría na zona vermella da clasificación, ocupando o último posto con tan só tres puntos.
Cartel de YouTube

Salir de la versión móvil