A pasada fin de semana viviuse unha nova xornada da Segunda Futgal, a terceira do campionato. E deixou resultados de todas as cores para os equipos da comarca enmarcados no grupo 1 Santiago.
O derbi entre o Lesende e o Sporting Lampón saldouse cun empate. O duelo comezou de cara para os lousamiáns que confirmaban o bo estado de forma e a boa dinámica do cadro adestrado por Manuel Pereiro co primeiro tanto no minuto 6, obra de Anxo Rial. Dominaban os locais e deixárono patente no minuto 22, cando Martín Moledo anotou o 2-0. Os boirenses reaccionaron e conseguiron acurtar distancias no 37 despois do tanto de Sergio Iglesias. O paso por vestiarios sentou ben ao Lampón que no 55 conseguiu o empate despois de que Iglesias transformara en gol un penalti. O marcador non se moveu do 2-2, reparto de puntos que deixa ao Lesende segundo, dous puntos por debaixo do líder, o Agrón, e o Lampón é décimo quinto ao sumar o seu primeiro punto.
No cuarto lugar colócase o Porto do Son que superou con remontada incluída ao Urdilde. Os visitantes adiantáronse no 7 cun penalti transformado, e os sonenses igualaron o marcador no 18 co gol de Óliver Torres. O empate lucía no marcador ao descanso pero no 49 o Son deu a volta ao marcador co tanto de Adrián Santos. Pero o Urdilde igualou de novo e en dous minutos púxose de novo por diante. Pasada a hora de xogo o Porto do Son puxo as táboas co gol de Adrián Santos dende os 11 metros e 10 minutos despois adiantouse grazas ao bo facer de Torres. E no engadido Roberto Cambeiro fixo o definitivo 5-3.
O quinto posto é do Taragoña que se levou o derbi ante o Xuventú Aguiño. A Lomba acolleu este duelo que arrancou ben para os locais: Yeray González superou a meta aguiñense no minuto 11. os rianxeiros mantiveron a súa mínima vantaxe ata o minuto 60, despois de que Alberto Collazo superara ao meta visitante para facer o 2-0. Triunfo do Taragoña sobre o Aguiño, que pechou a xornada no último posto do grupo.
Sétimo está o Atlético Oleiros que se anotou un empate na casa do Milladoiro. Os de Ames golpearon primeiro, no minuto 11 ían por diante paro Gustavo Gude colocou o empate dende o punto de penalti no 34. Xa na segunda metade o Milladoiro adiantouse de novo no 69, e o Oleiros respondeu no 94, rescatando un punto in extremis grazas a un tanto máis de Gude.
O Valiño rematou décimo ao conseguir a primeira vitoria do curso na súa visita ao Atlético Fátima. Os locais bateron a meta crucense ao cuarto de hora de xogo pero no 21 Aejandro Valiño anotou o 1-1. e no 40 Mateo Silva vestiuse de goleador para adiantar aos visitantes. Na segunda metade golpeou primeiro o Fátima co 2-2, e púxose por diante no 63 ao converter un penalti en gol. O Valiño reaccionou e no 75 e no 82 Guillermo Torrado e Ángel Resúa efectuaron a remontada.
E o Artes perdeu pola mínima co líder, o Agrón. O inicio estivo igualado pero pasada a media hora de xogo os de Negreira bateron a meta artista para facer o 1-0. Os de Adao Oliveira conseguiron o empate grazas ao gol en propia do local Manuel Cuns, que subiu ao marcador no 55. No 57 o Artes quedou cun xogador menos pola expulsión de Juan Queiruga por dobre amarela, e aos dous minutos o Agrón anotou o definitivo 2-1. Tras esta nova derrota os artistas son décimo terceiros.

