Chega a quinta xornada ligueira para os equipos da primeira futgal, e con ela, as gañas de seguir puntuando e ascendendo nunha competición que se complica por momentos.
Tras perder no seu encontro fronte ao Atlético Combarro, o CD Unión terá que intentar facerse valer contra o San Martin CF, un dos equipos máis fortes da liga. Os de Rianxo visitarán aos de Vilagarcía de Arousa coa vista posta en saír da zona perigosa na que agardan décimo sextos con tan só dous puntos por unha pobre acumulación de dous empates e dúas derrotas. Cos obxectivos claros, o cara a cara darase este venres, 2 de outubro, ás 20:45h no campo de Vilaxoán.
Pola súa banda, o Cidade de Ribeira afronta unha realidade totalmente distinta. Cun historial máis favorecedor con dúas vitorias e dous empates, os da comarca buscan seguir sumando para ascender máis aló da sexta posición. Ao igual que o CD Unión, aos ribeirenses tócalles desprazarse ata Valga para enfrontarse esta vez ao Cordeiro CF nunha xornada que se disputará este domingo, 4 de outubro, no Campo Municipal de Baño ás 12:00h.
E a diferenza dos anteriores, o Abanqueiro SD xogará co apoio da súa afección contra o Flavia SD. Os boirenses loitarán por saír do limbo da novena posición tras acumular dúas vitorias e dúas derrotas, o que lles proporciona máis motivación e gañas para impoñerse ante os rivais este sábado, 3 de outubro, no campo de Vista Alegre ás 18:30h.
NOVA OPORTUNIDADE DE XERAR PUNTOS PARA OS EQUIPOS DA COMARCA NA PRIMEIRA FUTGAL.


