A Preferente viviu esta fin de semana a súa terceira xornada de competición na que os equipos da comarca enmarcados no grupo 1 sumaron todos un punto. O Noia visitou ao Dumbría pero os locais non deixaron que os brancos se levaran o triunfo. E o Puebla recuperou un punto nos minutos finais na súa saída ao campo do Sofán.
O Noia volveu a puntuar e fíxoo ante un rival que aínda non sabe que é gañar, o Dumbría. Os da Costa da Morte foron os anfitrións e nos primeiros compases mantiveron á raia aos noieses, que non acertaron na definición para adiantarse. Sen embargo os visitantes foron os que golpearon primeiro e no minuto 34 Carlos Santana definiu entre os tres paus para poñer por diante ao Noia. Pero o Dumbría reaccionou cedo e xusto antes do descanso, no 45+1, Brais Fontenla, puxo o empate. O equilibrio non se rompeu na segunda metade a pesar da insistencia dos dous equipos, pero ao fío do final chegaron as emocións. Marcos Piñeiro puxo por diante ao Noia no minuto 86 e cando parecía que os tres puntos ían para os brancos, o Dumbría igualou. De novo no engadido rescatou un punto grazas á puntería de Antonio Vilar que anotou no 95. Reparto de puntos que deixa ao Noia sétimo cunha derrota, un triunfo e un empate, e ao Dumbría en descenso ao ser décimo sexto ao sumar dous empates e unha derrota.
O Puebla tampouco sabe aínda o que é gañar pero mantense imbatible no que vai de liga. O conxunto adestrado por Chofri visitou o Carral onde se mediu a un combativo Sofán. Os de Carballo e os pobrenses anuláronse mutuamente na primeira metade polo que o 0-0 seguía lucindo no marcador ao descanso. E tras o paso por vestiarios os locais saíron cunha marcha máis que se veu traducida no primeiro tanto da mañá. Houbo que agardar ao minuto 52 para ver a estrea do marcador, e o Puebla tivo que remar contra a corrente para poder sumar. E fíxoo. As ocasións xerábanas ata que no 87 Saro anotou o que sería o definitivo 1-1.

