A Primeira Futgal avanza e nesta terceira xornada deixo un balance de dous empates e unha derrota. O Cidade de Ribeira igualou forzas co Atlético Cuntis, o Unión suou para levarse un punto na súa visita ao Umia pero o Abanqueiro non puido co Caldas na casa.
O Cidade de Ribeira encadea estas tres xornadas puntuando e nesta ocasión levouse un empate da súa visita ao Atlético Cuntis. Os ribeirenses tiveron que remar ao longo de todo o encontro para conseguir o premio do punto. Os locais puxéronse cedo por diante xa que antes de cumprirse a media hora de xogo abriron a lata e a resposta dos branquiazuis non foi inmediata. Pero chegou no minuto 34 cando Alberto Romero acertou no seu disparo para bater a portería do Cuntis. O xogo estaba máis equilibrado na segunda metade, pero de novo os locais conseguiron adiantarse no 65 despois do gol en propia de Pablo Pérez. O conxunto adestrado por Manuel Ángel Pena insistiu ata conseguir o seu premio en forma de gol que chegou no 81 e levou a firma de Diego López. Un punto máis que suma o Cidade de Ribeira que é sétimo con cinco.
O Abanqueiro mantense duodécimo a pesar de tropezar esta fin de semana co Caldas. Vista Alegre acolleu o duelo no que os locais tomaron a dianteira grazas ao tanto de Óscar Alcalde pasada a media hora de xogo. Os da Charca mantivéronse por diante no marcador ata o minuto 60 e 11 minutos despois o Caldas confirmou a súa remontada. Os intentos do Abanqueiro non atoparon o resultado agardado e perderon pola mínima.
E o Unión despertouse do seu letargo para sumar un punto ante o Umia, que arrancou a xornada como o líder. Os de Asados, que aínda están lonxe do seu nivel, puxeron contra as cordas os de Ribadumia que se marcharon ao descanso por diante logo de transformar un penalti no 45. E pouco despois de regresar ao verde os locais colocaron o 2-0. Os rianxeiros remaron contra a corrente e conseguiron sacar algo positivo da Bouza: a capacidade de reacción. Sergio Nieto abriu o camiño co 2-1 que chegou no 81 e Paulo Cerqueiras anotou o gol do empate no minuto 85. O Unión pechou a xornada décimo cuarto con dous puntos despois de encadear unha derrota e dous empates.

