As Festas do Nazareno arrancaron o pasado venres e onte, domingo, a Pobra do Caramiñal encheuse pola procesión votiva das Mortallas. A imaxe do Nazareno percorreu as rúas do municipio acompañado por miles de fieis e persoas ofrecidas que se achegaron ao municipio. E un dos elementos que máis atrae as miradas son os ataúdes. Este ano houbo catro que acompañaron tamén ao Nazareno xa que catro persoas que lidiaron coa morte ou sofre unha grave enfermidade ofrecéronse ao santo.
Esta celebración relixiosa, a máis concorrida da comarca do Barbanza, tivo un ano máis unha elevada participación. A cor morada predominaba entre os asistentes e ofrecidos, entre os que tampouco faltaban persoas que realizaron o percorrido descalzos. Sacrificio feito para gañarse o favor do Nazareno.
Tampouco faltaron as velas, prendidas ao longo de todo o percorrido polos asistentes. Non só é unha cita ineludible para as persoas crentes ou para quen precisa o favor do santo, se non que son moitas as que se achegan por curiosidade. Para coñecer un rito que cumpre xa medio século de antigüidade. Este ano a organización estima que participaron entre 15.000 ou 20.000 persoas, algunhas das cales asistiron á misa celebrada unha vez o Nazareno regresou á igrexa de Santiago do Deán.
As Festas do Nazareno arrancaron o venres co pregón a cargo da Asociación Ambar.

