A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se somete a información pública as obras de mellora dos bombeos de Esteiro e Sabuqueiro e telexestión no Concello de coruñés de Boiro. Esta actuación conta cun orzamento de máis dun millón de euros e beneficiará a case 20.000 habitantes.
As obras corresponden a actuacións priorizadas no Plan de saneamento local da ría de Arousa, que Augas de Galicia redactou en 2012.
No documento da obra inclúese unha serie de actuacións que teñen por obxecto renovar e mellorar a rede de saneamento de augas residuais do núcleo. En particular, proxéctase un novo pozo de bombeo que remplace ao existente en Esteiro, situando o novo nas inmediacións do existente. No bombeo de Sabuqueiro proxéctase o cambio das bombas, a calderería e a cestón de grosos.
Por outra banda, proxéctase a implantación dun sistema de telexestión para o control dos tres bombeos principais da rede de Boiro (tanque de Chouza, Esteiro e Sabuqueiro), así como para a obtención de datos en tempo real dos caudais circulantes na rede e na entrada e saída da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Cabo de Cruz, e realizaranse unha serie de reparacións puntuais nos pozos do entorno da praia do Careixo.
Antecedentes
No proceso de redacción do Plan de Saneamento Local da ría de Arousa, na súa marxe dereita, concretamente nos concellos de Boiro e Rianxo, fíxose un estudo da rede de saneamento existente no municipio boirense, así como unha campaña de medicións de caudais.
Segundo o documento, os caudais reais impulsados polas bombas existentes actualmente en Esteiro e Sabuqueiro están moi alonxados dos caudais que teoricamente deberían bombear, o que pon de manifesto a perda de rendemento que teñen sufrido estes equipos a causa da súa antiguedade. Ademais, durante a redacción do plan de saneamento tense detectado paradas dos equipos de ata 10 horas, o que revela o seu mal funcionamento.
Por outro lado, o volume do pozo de bombeo de Esteiro é reducido. Este escaso volume de retención provoca que en caso de parada ou mal funcionamento das bombas, en tempo de choiva, se produzan alivios. Así mesmo, o estado da calderería dos bombeos de Esteiro e Sabuqueiro presentan un estado de conservación deficiente, sendo a obra de desbaste de entrada simplemente un cestón de grosos.
http://youtu.be/BWdYB56JsrU