Icono del sitio CanalBarbanza.com

CABO DA CRUZ XÓGASE ESTA FIN DE SEMANA O SEU ASCENSO Á EUSKOTREN LIGA

O remo garda unha fin de semana máis de emocións para pechar unha campaña moi ilusionante para o remo galego e máis en concreto para Cabo da Cruz. O equipo de Boiro afronta dúas últimas probas que definirán o seu futuro: seguir na Liga Galega de Traiñeiras un ano máis o regresar á Euskolabel Liga un ano despois do seu descenso.

Os crucenses afrontan con gañas e ilusión esta fin de semana de playoff na que remarán o sábado en Bermeo e o domingo en Portugalete. E no mar haberá catro rivais que tamén aspiran ás dúas prazas que están en xogo nesta fase.

O Club de Remo Cabo da Cruz acode a esta dobre cita como a mellor embarcación da Liga Galega de Traiñeiras. Os vermellos leváronse 10 bandeiras das 11 que había en xogo esta campaña, amosando ser un grupo unido, traballador e con moito que dicir. Agora afrontan este playoff con gañas de amosar o seu crecemento e mellora e conseguir unha praza na máxima categoría do remo nacional. Pero non será doado.

Tirán, segundo clasificado na Liga Galega de Traiñeiras, será un dos rivais dos boirenses nesta fase. E tamén competirán os dous primeiros clasificados da ARC, a Asociación de Remo do Cantábrico. Este ano Deusto-Bilbao e Zarautz foron as mellores embarcacións e loitarán por ascender.

Ademais Ares, penúltima clasificada da Euskolabel Liga, terá a ocasión de defender a súa praza. Cinco competidores, dous ocos a cubrir na ACT. O sistema de clasificación será por puntos e no caso de empate valoraranse os tempos rexistrados nestas dúas regatas.

Bermeo será o punto de saída e está previsto o inicio da proba para o sábado ás 18.08 horas. E o domingo o playoff recalará en Portugalete e as embarcacións remarán a partir das 11.59 horas.

Salir de la versión móvil