A Pobra do Caramiñal viviu domingo a súa XVII Carreira Popular. Esta proba asentada no calendario deportivo do municipio tivo unha gran acollida e nesta ocasión saíron a correr 321 atletas en todas as categorías: dende a sub10 ata a absoluta, pasando pola sapatilla inclusiva. A carreira central foi a absoluta na que participaron 250 corredores e na que se percorreron 8 kilómetros. E cruzando a liña de meta os máis rápidos foron David de la Fuente e Ainoa Gontán.
O mellor tempo da carreira marcouno de la Fuente ao completar o percorrido de 8k en 23 minutos 34 segundos. O segundo clasificado foi Pablo Otero, que parou o crono en 23.50 e completou o podio absoluto masculino Facundo Medard cun tempo de 24.37. No apartado feminino o triunfo foi para Ainoa Gontán, que cruzou a liña de meta en 29.50. Gabriela Quintáns finalizou segunda cun tempo de 30.27 e pechou o podio Soledad Leiro ao rematar a carreira en 30.53.
Antes da proba central disputáronse as categorías base. José Santos e Noa Martínez foron os máis rápidos da sub10. Adrián Rodríguez e Mireia Díaz dominaron na sub12. Xabier Rodil e Carlota Lijó impuxéronse na sub14 mentres que Jeyden Silva e Lucía Ageitos gañaron na sub16. Tamén houbo sapatilla inclusiva, categoría na que participaron José Ramón Miranda e Manuel Alonso.

