Icono del sitio CanalBarbanza.com

DOUS ARTEFACTOS EXPLOSIVOS DA GUERRA CIVIL OBRIGARON Á INTERVENCIÓN DOS ESPECIALISTAS DA GARDA CIVIL EN BERGONDO E PADRÓN

Un achado inesperado e potencialmente perigoso en Bergondo. Un cidadán alertou da presenza dun obxecto sospeitoso xunto a un contedor de residuos urbanos.
Ata o lugar desprazouse unha patrulla do posto de Sada, que confirmou que se trataba dunha granada de morteiro de 60 milímetros, modelo Lafitte 1926, de fabricación francesa.
A situación supuña un risco importante, especialmente para os operarios encargados da recollida do lixo, polo que os especialistas retiraron a munición seguindo o protocolo de seguridade e trasladárona ata unha canteira habilitada. Alí foi destruída mediante unha voadura controlada.
E de maneira paralela, en Padrón, os especialistas interviñeron nunha vivenda do lugar de Quintas. No interior da finca localizaron outro artefacto militar: un proxectil de artillería de 37 milímetros con vaíña de latón, correspondente a munición anticarro empregada durante a Guerra Civil.
Tamén neste caso o proxectil foi retirado polos efectivos do GEDEX para a súa posterior neutralización nun lugar habilitado.
Dous achados diferentes, pero cunha mesma recomendación da Garda Civil: ante calquera artefacto explosivo ou obxecto militar sospeitoso, non hai que tocalo nin movelo.
Cartel de YouTube

Salir de la versión móvil