Icono del sitio CanalBarbanza.com

GOLPE DA POLICÍA NACIONAL AO CLAN DOS FANCHOS NA POBRA DO CARAMIÑAL

O operativo comezou a tomar forma o pasado 20 de agosto. A Policía recibira información sobre a posible entrada dun importante cargamento de cocaína por unha praia de A Pobra do Caramiñal. As pescudas centráronse no actual líder dos Fanchos, ao que os investigadores sitúan como unha das persoas encargadas de coordinar a recepción e posterior custodia da droga.
Os axentes intensificaron a vixilancia e, o día 21, detectaron movementos que lles chamaron especialmente a atención.
Observaron como o principal investigado, acompañado por outros dous homes, realizaba varios desprazamentos entre a súa vivenda e un cobertizo situado moi preto da praia. Nun deses movementos, os tres comezaron a trasladar bultos de gran peso desde o cobertizo ata outra vivenda. A Policía sospeitou que podían conter droga e decidiu intervir.
Os rexistros posteriores nas tres propiedades permitiron localizar 1.410 quilos de cocaína, ademais de 100 gramos de heroína, diñeiro en efectivo e outros efectos de interese para a investigación.
A operación, bautizada como Malladoira, contou coa colaboración da DEA. Entre os detidos está o considerado actual líder dos Fanchos, xunto cun cidadán croata e un veciño da zona de O Conchido.
Os tres pasaron hoxe a disposición xudicial no Tribunal de Instancia de Ribeira. Tras máis de seis horas de comparecencia, a xuíza decretou para todos eles prisión provisional, comunicada e sen fianza.
Quedan investigados por un delito contra a saúde pública, mentres a Policía continúa coas pescudas para determinar a orixe do cargamento e se hai máis persoas implicadas.
Cartel de YouTube

Salir de la versión móvil