As bancadas comezaron a encherse desde primeira hora da mañá. Máis de 30 pilotos participaron nunha xornada na que o espectáculo sobre rodas foi o gran protagonista.
E entre os grandes atractivos, catro nomes que forman parte da historia do rally mundial: Stig Blomqvist, Miki Biasion e Petter Solberg, ademais do galego Luis Moya, bicampeón do mundo como copiloto de Carlos Sanz.
Exhibicións, drifts e encontros cos afeccionados completaron unha mañá na que o público puido ver de preto aos grandes campións e conseguir autógrafos e fotografías na Fan Zone.
Xa pola tarde chegou a hora da competición. Despois dos adestramentos, a manga clasificatoria e as eliminatorias, o Rallyshow entrou na súa fase decisiva.
Na gran final, Alberto Meira, ao volante do seu Skoda Fabia R5, foi o máis rápido e proclamouse campión do Rallyshow das Pontes, quedando por diante do segundo Manuel Senra e terceiro Jorge Pérez.
As Pontes pecha así unha fin de semana dedicada ao motor cunha cifra de récord: máis de 12.000 persoas pasaron polo circuíto para gozar dunha cita que rematou coa música de Sés como broche final.
MÁIS DE 12.000 PERSOAS FIXERON DAS PONTES A CAPITAL GALEGA DO MOTOR


