Durante horas, a expectación medrou en toda España á espera dun dos fenómenos astronómicos máis extraordinarios das últimas décadas.
O eclipse comezou a verse de forma parcial en Galicia ás 19:30h. Case unha hora despois, a Lúa cubriu completamente o Sol e comezou a fase de totalidade. Foron apenas uns minutos, pero suficientes para converter praias, prazas, miradoiros e montes en grandes puntos de observación. Millóns de persoas, equipadas con lentes homologadas, compartiron un momento excepcional.
A franxa de totalidade atravesou o norte da Península de oeste a leste. Desde A Coruña, con 1 minutos e 16 segundos de eclipse total, ata Bilbao, Zaragoza e Valencia. En Luarca, Asturias, a escuridade total chegou a durar case dous minutos.
E Galicia foi unha das zonas privilexiadas para contemplar o fenómeno. O ceo permitiu seguir o eclipse en boa parte do territorio, aínda que nalgúns puntos do litoral as nubes dificultaron a observación.
Case ás dez da noite remataba o eclipse e con el unha tarde histórica para millóns de persoas. Un espectáculo de apenas uns minutos de escuridade que deixa agora a vista posta no seguinte capítulo: quedan 354 días para volver ver como o ceo se apaga.
MILLÓNS DE PERSOAS PARARON ONTE A SÚA ACTIVIDADE PARA MIRAR O CEO


