O centro de día de A Pobra do Caramiñal, pertencente á rede de centros de maiores da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, levará a cabo o vindeiro venres 28 de abril unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as familias e os veciños da zona poidan coñecer as súas instalacións, como é o seu funcionamento e como traballa o seu persoal.
O programa para ese día comprende, dende as 11,00h, distintas actividades lúdicas no centro para os asistentes e, a partir das 15,30h, unha mostra de xabóns artesanais elaborados polos usuarios, así como a entrega dun pequeno agasallo aos participantes na xornada de portas abertas.
O centro de día de A Pobra do Caramiñal, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, entrou en servizo o pasado 21 de setembro de 2016 cunha oferta de 30 prazas. Na actualidade conta con 7 usuarios (todos eles, a xornada completa), que proceden do propio concello de A Pobra, e dos municipios de Ribeira e Rianxo.