Deputación Da Coruña

A Deputación da Coruña investirá 267.588 euros na construción dunha nova ponte entre Aldea Grande e O Couto, en Lousame

A Deputación da Coruña investirá 267.588,95 euros na construción dunha nova ponte no punto quilométrico 1+800 da DP 4202, que mellorará a conexión entre Aldea Grande e O Couto, no termo municipal de Lousame.

O proxecto para a construción desta ponte vén de ser aprobado por unanimidade na comisión de Vías e Obras e será ratificado pola Corporación provincial na sesión plenaria do vindeiro venres, 28 de abril.

O deputado responsable da área de Vía e Obras da Deputación, José Manuel Pequeño, destacou a «importancia do proxecto», que permitirá «ampliar a plataforma da ponte sobre o rego Pesqueira de 5 a 12 metros e ofrecer un itinerario peonil seguro para os veciños”.

Na actualidade, as reducidas dimensións do vial obrigan aos viandantes a circular polas beiravías sen pavimentar ou polo borde da calzada, o cal pon en risco a súa seguridade. Para remedialo, a nova ponte contará con beirarrúas de 2,25 metros de ancho en cada marxe, recubertas con baldosa hidráulica, permitindo así cruzar a pé con total seguridade.

Asemade, a nova plataforma de 12 metros de ancho tamén permitirá a execución de dous carrís de 3,5 metros para a circulación de vehículos.

As obras financiadas pola Deputación incluirán o acondicionamento da estrada DP 4202, para ampliar gradualmente o ancho da calzada ata alcanzar os 12 metros nas inmediacións da nova ponte.

Así mesmo, formaranse cunetas en terra para evitar a acumulación de auga nos laterais da calzada, e dotarase á ponte dunha sección hidráulica suficiente para facer fronte a grandes avenidas de auga

Por último, reforzarase a capa de firme tanto nas inmediacións coma na propia ponte, mediante un fresado de profundidade que permita a incorporación dunha capa de base e outra de rodaxe.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.