Tras o sucedido fai un ano, cando ninguén se decatou da existencia de marea vermella na ría noiesa e unha partida de berberecho das concesións da confraría acabou sendo devolta polo comprador, os dirixentes do depósito non queren volver xogarlla. Por iso, a última hora da tarde do luns, despois de que a empresa contratada pola entidade para analizar as mostras de bivalvo indicase que os niveis de toxina eran elevados, a confraría decidiu pechar as concesións de xeito preventivo.
O patrón maior, Santiago Cruz, mostrábase contundente ao manifestar: «Temos que ser responsables e dispoñer de garantías sanitarias. Non podemos comercializar marisco que poida estar afectado pola toxina».
O xoves, a confraría remitira mostras de berberecho ao laboratorio vigués co que traballa e os resultados foron satisfactorios. Con todo, a entidade repite a operación todos os luns e, nesta ocasión, a situación cambiara e os parámetros arroxados polas análises, segundo comentou Santiago Cruz, indicaban que non podía collerse o bivalvo.
Ante esta situación, a dirección do depósito tamén se puxo en contacto coa Consellería do Mar para darlle a coñecer os resultados e, acto seguido, remitiuse tamén unha mostra ao Intecmar para a súa análise.
A media tarde de onte, a confraría recibiu os datos, que eran favorables, tanto no caso dos remitidos polo Intecmar como dos mandados pola compañía privada. Os niveis de toxina volveran a baixar e, hoxe, os bancos marisqueiros de Noia volverán abrirse para que os máis de mil produtores poidan extraer o prezado bivalvo.
http://youtu.be/5CczxJk5BO8