O restaurante Baiuca foi o escenario dunha celebración moi especial para o Carreira F.C. Decenas de persoas entre xogadores, directivos, socios, afeccionados e veciños, quixeron sumarse a unha cea que serviu para conmemorar os 50 anos de historia da entidade.
Na celebración, os asistentes compartiron unha velada na que non faltaron as anécdotas e lembranzas das diferentes xeracións que vestiron ou apoiaron as cores do club ao longo destas cinco décadas.
Durante o acto tamén houbo espazo para os discursos, nos que se puxo en valor o importante legado do Carreira F.C., destacando o seu papel non só no ámbito deportivo, senón tamén como punto de unión para a parroquia e exemplo do traballo de centos de persoas que fixeron medrar a entidade ao longo destes 50 anos.

