O conxunto que adestra David Palmas debutará o 12 de setembro no Agustín Mourís recibindo ao ElPozo Murcia, actual subcampión de liga e participante na Liga de Campións.
A principal novidade da competición será a división da fase regular en dous torneos independentes, o Apertura e o Clausura, cada un co seu propio campión e con prazas en xogo para o play-off polo título.
O Torneo Apertura rematará o 30 de decembro, tamén en Noia, fronte ao recentemente ascendido Wanapix Zaragoza. Antes, o 26 de decembro, disputarase o primeiro derbi galego da tempada, coa visita dos noieses á pista do Parrulo Ferrol.
Xa no Torneo Clausura, o Noia comezará o ano visitando ao Barça o 9 de xaneiro e pechará a liga o 15 de maio en Zaragoza. O encontro de volta fronte ao Parrulo no Agustín Mourís está previsto para o 3 de abril.
Outra das grandes novidades desta tempada é a desaparición da Copa do Rei como competición independente. A partir de agora integrarase na Copa de España, un torneo único no que participarán 96 equipos de diferentes categorías e que reunirá tanto a fase eliminatoria como a fase final.
Co calendario xa definido, o Noia Portus Apostoli inicia a conta atrás para un novo curso na elite, no que volverá aspirar a consolidarse entre os mellores equipos do fútbol sala español.
O NOIA PORTUS APOSTOLI XA TEN CALENDARIO PARA A SÚA QUINTA TEMPADA NA LIGA PRIME FUTSAL


