Máis dunha vintena de veleiros tomarán a saída este sábado, ás 14:00h, desde as inmediacións do Club Náutico Deportivo de Ribeira. Por diante, un percorrido que levará ás embarcacións a rodear a illa de Sálvora e a navegar entre os illotes de Vionta, Noro e Rúa, nunha proba que xa é toda unha referencia da vela en Galicia.
A organización prevé unha participación próxima ao cento de regatistas, aínda que as condicións meteorolóxicas porán complicada a competición debido ás altas temperaturas e á pouca intensidade de vento. Deste xeito, o trazado definitivo decidirase pouco antes da saída.
Esta décimo quinta edición consolida unha cita que, ademais do seu atractivo deportivo, busca poñer en valor o mar e a contorna de Ribeira, reunindo cada ano a afeccionados á vela chegados de distintos puntos de Galicia.
Cabe resaltar a participación de destacados veleiros que xa gañaron competicións nestas últimas semanas, como pode ser Peperetes-Nortemar, o poderoso Corsario Thunder ou o coñecido Orión, entre outros moitos.
A entrega de trofeos está prevista para as 18:00h nas instalacións do Club Náutico.
A RÍA DE AROUSA SERÁ ESTE SÁBADO ESCENARIO DA A XV REGATA CONGALSA VOLTA A SÁLVORA.


