O Instituto de Ensino Secundario Leliadoura de Ribeira está incluído na iniciativa “Escolas Conectadas” para dotar de acceso a redes ultrarrápidas a 800 centros educativos públicos de primaria e secundaria galegos que non dispoñen deste servizo. Así o reiterou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, en resposta a unha pregunta formulada na Comisión 4ª do Parlamento.
Segundo explicou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o obxectivo desta iniciativa é completar as medidas que vén desenvolvendo a Xunta desde 2009 para mellorar a conectividade e que permitiron incrementar a velocidade media de conexión dos centros educativos públicos dos 58 Mbps aos 123 Mbps a día de hoxe e que preto de 490 centros (40% do total) dispoñan de acceso a redes de 100 Mpbs.
A directora da Amtega indicou que “Escolas Conectadas” permitirá, unha vez completada, que o 100% dos educativos públicos de primaria e secundaria se conecten a internet a través de redes ultrarrápidas.
Mar Pereira lembrou que as axudas públicas para o despregamento de redes de telecomunicacións son neutrais tecnoloxicamente. Respecto a iniciativa concreta de “Escolas Conectadas”, o prego da entidade estatal Red.es, que foi o órgano de contratación, establecía como requisito que se dotara aos centros de velocidades de máis de 100 Mbps. O compromiso do operador adxudicatario é completar esta actuación en 2018 e cumprir coas velocidades e calidade de servizo que ofreceu na súa oferta, independentemente da solución tecnolóxica que empregue.
Aínda que está incluído en “Escolas Conectadas”, ante os problemas de conectividade que tiña este centro e mentres non se poñía en marcha esta nova iniciativa, o pasado mes de outubro levouse a cabo unha mellora na conectividade do IES Leliadoura, que lle permite contar con velocidades de 120Mbps de baixada.
Respecto a posibles problemas de conectividade que achacan á solución tecnolóxica coa que conta agora o IES Leliadoura, xa se lle ten trasladado aos responsables do centro que calquera actuación indebida na rede local pode repercutir nun mal funcionamento da conexión.
https://www.youtube.com/watch?v=ZIOthRWyqO4