O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia se anticipou na loita contra as malas prácticas políticas e administrativas con medidas de transparencia e control, “que logo foron emuladas noutros lugares”, dixo, lembrando que a ampliación de competencias do Consello de Contas foi unha delas.
Durante o acto conmemorativo do XXV aniversario do Consello de Contas de Galicia, Feijóo afirmou que a democracia galega foi unha democracia previsora cando introduciu esta figura nos primeiros proxectos de Estatuto, e agora é unha democracia que responde “con axilidade e eficacia” ao reto que supoñen as malas prácticas.
Para o presidente da Xunta, tanto os pais do Estatuto como os que hoxe teñen responsabilidades institucionais demostran que a democracia é capaz de establecer controis efectivos e independentes que axuden á súa rexeneración.