Deste xeito, as avaliacións de 6º de Educación Primaria e de 4º de ESO terán lugar os días 23 e 24 de maio, mentres que a proba diagnóstica de 3º de Primaria celebrarase o 30 e 31 de maio.
Cómpre subliñar que o resultado destas probas non ten ningunha repercusión no expediente académico dos alumnos; é dicir, que non inciden para nada nas cualificacións obtidas polos rapaces no curso escolar. A súa finalidade é estritamente diagnóstica, xa que os datos recompilados proporcionan á Administración unha información complementaria á hora de deseñar accións específicas na súa aposta por unha maior calidade no ensino.
Unha das principais novidades é que este curso 2016/17 é o primeiro no que se vai aplicar a avaliación de Secundaria, para os alumnos que están cursando 4º de ESO. Froito do acordo unánime a nivel de Comunidades Autónomas e Ministerio de Educación acadado na Conferencia Sectorial de Educación, esta proba aplicarase con carácter de mostra; é dicir, que non a van facer o cen por cen do alumnado deste curso, senón só nos centros seleccionados en base aos correspondentes criterios técnicos.
Cómpre lembrar que, atendendo á demanda feita desde Galicia polo departamento que dirixe Román Rodríguez, esta avaliación terá carácter exclusivamente diagnóstico .
Canto á etapa de Educación Primaria, a novidade tamén atinxe á avaliación de 6º curso de Primaria, que ao igual que a de ESO, terá carácter de mostra e, no caso de Galicia, aplicarase tamén no 15% aproximadamente do total de centros que imparten este curso de Primaria en Galicia (en torno a 125 centros). Tamén neste caso, os resultados obtidos polos alumnos de 6º curso de Primaria seleccionados para a mostra non teñen ningún efecto no seu expediente nin nas súas cualificacións.
No que respecta á proba de 3º de Primaria -que terá lugar o 30 e 31 de maio-, queda nos mesmos termos que se vén realizando nos últimos dous cursos, coa avaliación de competencia en comunicación lingüística (de xeito conxunto e integrado en galego e castelán) e a competencia matemática. Cómpre subliñar que esta proba é practicamente a mesma que viña facendo nas avaliacións de diagnóstico de 4º de curso de Primaria (LOE) desde o ano 2009, coa única diferenza que agora as familias reciben información individualizada sobre o seu fillo/a, que antes nos dispoñían.
https://www.youtube.com/watch?v=0qfCI9h5hLU