O accidente produciuse pouco despois das 20:00h na intersección das rúas Listres e Vionta, á altura do bar Victoria. Segundo información oficial, o turismo realizaba un xiro cando impactou contra a bicicleta. A consecuencia do golpe, o ciclista bateu contra o parabrisas do vehículo e saíu despedido, acabando por impactar contra a beirarrúa.
Ata o lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Ribeira, do GAEM, da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico, persoal sanitario do PAC e unha ambulancia do 061. Dada a gravidade das lesións, tamén foi mobilizado o helicóptero medicalizado, que trasladou ao ferido ao Hospital Clínico de Santiago.
O home, de 42 anos, permaneceu consciente e orientado en todo momento, aínda que presentaba un forte golpe na cara e queixábase de dores en distintas partes do corpo. Os servizos sanitarios inmobilizárono no lugar do accidente, colocáronlle un colariño e realizaron unha primeira valoración antes do traslado.
A violencia do impacto fixo necesaria a evacuación aérea da vítima, mentres a Garda Civil continúa investigando as causas do accidente.
UN CICLISTA DE 42 ANOS RESULTOU FERIDO DE CONSIDERACIÓN TRAS SER ATROPELADO POR UN TURISMO EN AGUIÑO


