Icono del sitio CanalBarbanza.com

A DEPUTACIÓN DA CORUÑA ENTREGOU OS PREMIOS PEL 2026

A Deputación da Coruña celebrou no Coruña Estudio Inmersivo, na Cidade das TIC, a gala de entrega dos Premios do Plan de Emprego Local 2026, uns recoñecementos que chegan xa á súa oitava edición e que se consolidan como unha das grandes citas do emprendemento na provincia.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou durante o acto que os proxectos premiados amosan a diversidade e capacidade das empresas coruñesas e puxo o foco na importancia de demostrar que a innovación tamén se constrúe desde o rural galego, que ten un gran potencial.
Nesta edición de 2026 presentáronse un total de 145 candidaturas, o que marca un récord de participación. Os premios están dotados con 80.000 euros e recoñecen a capacidade de innovación, creación de emprego, impacto territorial e compromiso social das iniciativas empresariais.
Na categoría de Mellor Iniciativa Emprendedora, o premio foi para Nubeiro Labs, un proxecto de emprendemento dixital que aposta polo retorno do talento a Galicia e pola xestión tecnolóxica de negocios online desde a comarca do Eume. O accésit foi para La Tribu Verde.
En Mellor Traxectoria Empresarial, o galardón recaeu en Que pasa na Costa, polo seu papel no xornalismo hiperlocal en galego desde 2007. O accésit foi para Chévere Producciones, referente da creación teatral contemporánea en Galicia.
Na categoría de Mellor Iniciativa de Territorio Sostible, o premio foi para Enzicas Bio, pola súa aposta pola economía circular e pola valorización da castaña galega. O accésit foi para Bieiteiras.
En Mellor Iniciativa Empresarial Singular, o recoñecemento principal foi para Frouma Atlantic Wood, que transforma madeira de bateas en mobiliario e arte contemporánea. O accésit foi para Sanín Percusión Tradicional.
A Mención Honorífica á Mellor Iniciativa Transformadora do Rural foi para Queizuar, polo seu modelo sostible baseado na modernización produtiva e no apoio ao sector gandeiro.
A gala incluíu tamén un recoñecemento especial ao xornalista Isidoro Valerio, pola súa traxectoria de máis de catro décadas vinculada ao mundo da radio e á comunicación en Ferrolterra.
Uns premios que volven poñer o foco no talento galego e no potencial do rural como espazo de innovación e futuro.
Cartel de YouTube

Salir de la versión móvil