Icono del sitio CanalBarbanza.com

ARRANCA A NOVA EDICIÓN DO GRAN TROFEO FARO DE CORRUBEDO-REGATA RAMIRO CARREGAL

Máis dunha vintena de embarcacións participarán na XXVI Regata Ramiro Carregal Rey, o Gran Trofeo Faro de Corrubedo. Mañá sábado arrancará esta competición fixada para as 12.00 horas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. A proba, que organiza o Real Club Náutico Portosín en colaboración coa Real Federación Galega de Vela e o Club Náutico Deportivo de Ribeira, sairá das inmediacións da bocana de entrada ao porto do Real de Portosín. Porase seguidamente rumbo para o sur da ría de Muros e Noia e enfilar a ría de Arousa.

Trátase dunha travesía de gran beleza paisaxística formada por 22 millas náuticas, algo máis de 35 km. É un trazado marítimo no que non se poderá baixar a garda en ningún momento polos baixos rochosos da zona.

A ruta marítima máis curta será a dos pasos do Carreiro ou o de Sagres, ambos coa dificultade que entrañan as pedras que os defenden celosamente. No caso de que esta opción non sexa válida pola seguridade dos regatistas, o Comité da Ramiro Carregal Rey indicaría o contorneo á Illa de Sálvora, navegando polo seu exterior e buscando un rumbo máis aberto, onde as ondas sexan máis negociables para os veleiros.

Na baixada haberá que atender os baixos de Basoñas e a pedra de Filgueira, outras das prioridades para salvar polos responsables da navegación a bordo. Xa na ría de Arousa a navegación será máis tranquila, momento estratéxico para exporse unha boa táctica ata as inmediacións do Deportivo de Riveira, onde estará situada a chegada.

O domingo ás 12.00 horas sairase novamente ao mar. Os tramos serán máis técnicos e celebrarase alo menos unha manga polo interior da ría arousá do tipo barlovento-sotavento, un trazado entre boias que poñerá en xogo a destreza das tripulacións nas súas manobras.

O Real de Portosín terá representantes nas tres divisións naturais e participarán embarcacións do Club de Iates de Vilagarcía, do Real Club de Regatas de Galicia, do Deportivo de Riveira; ou do Real Club Náutico de Sanxenxo.

Salir de la versión móvil