Cinco persoas foron detidas no marco da operación Lukus, desenvolvida pola Garda Civil de Negreira e Noia. Os arrestados están acusados de participar nun roubo con forza nunha nave dun polígono industrial de Negreira, onde presuntamente subtraeron ferramentas especializadas, un remolque e unha furgoneta tipo pick-up.
As investigacións iniciáronse tras a denuncia dos feitos. As cámaras de seguridade permitiron identificar a actuación coordinada de varias persoas que accederon ás instalacións e levaron a cabo o roubo.
Poucos días despois, os axentes localizaron o remolque abandonado no concello de Rábade, en Lugo, e recuperaron tamén o vehículo subtraído. A análise das probas levou aos investigadores a relacionar os sospeitosos cun segundo roubo nun concesionario da capital lucense.
Segundo a Garda Civil, os detidos utilizaron o vehículo roubado para desprazarse ata o establecemento, onde forzaron un acceso e conseguiron levar unha máquina de cobro automático que contiña máis de 1.100 euros en efectivo.
A investigación permitiu reconstruír os movementos do grupo e identificar os seus integrantes. Ademais do diñeiro e dos efectos roubados, os danos ocasionados nas instalacións afectadas elevan o prexuízo económico por riba dos 60.000 euros.
As dilixencias xa foron remitidas ao xulgado de instrución de Negreira, que se fai cargo do caso
A GARDA CIVIL DETÉN A CINCO PERSOAS POR ROUBOS EN NEGREIRA E LUGO


