O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, resaltou a importancia de “actualizar equipos” como a mellor maneira de afrontar con garantías as eleccións municipais do 2019, nas que a súa formación aspira a recuperar o goberno da Deputación da Coruña e o das tres cidades da provincia.
Acompañado polo vicesecretario xeral de Organización e Territorial, Evaristo Ben, Calvo lanzou esta mensaxe ante militantes e afiliados dos municipios de A Pobra, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Boiro, convencido de que a súa formación pode repetir, nas municipais do 2019, os bos resultados acadados nestes concellos nas pasadas eleccións autonómicas.
Na cita, enmarcada dentro dunha rolda de vinte reunións comarcais ao longo da provincia, e á que asistiron case un centenar de persoas mostrouse convencido de que a súa formación está preparada e pode gobernar nos cinco municipios.
Para alcanzar este reto, Calvo subliñou que é imprescindible “baixar á rúa, percorrer os lugares que fagan falta, mirar á cara á xente, e demostrarlles que somos capaces de entendelos e de que estamos dispostos a traballar para solucionar os seus problemas”.
Ademais, o presidente popular fixo fincapé en que a súa formación ten que “saír a gañar as eleccións en todos os municipios da provincia”, un obxectivo para o que a dirección popular traballa coa mente posta en nomear aos 93 candidatos “con tempo suficiente para poder traballar, para que os coñezan e para facer bos equipos”.