Icono del sitio CanalBarbanza.com

DERROTA POR 5-2 DO UNIÓN QUE O DEIXA FÓRA DA FASE DE ASCENSO Á PREFERENTE

A fin de semana arrancaba con esperanza para o Unión que afrontaba o encontro de volta das semifinais de promoción de ascenso co 1-0 favorable. Os rianxeiros sabían que no Bañadoiro se atoparían con outro Córgomo, e así foi. Os de Asados fixeron un bo partido pero encaixaron un 5-2 que os obriga a quedar unha temporada máis na Primeira Futgal.

Os ourensáns saltaron ao verde con forza e buscando a meta do Unión e aos 20 minutos obtiveron o seu premio en forma de gol, anotado por Daniel Real para igualar a eliminatoria. E apenas cinco minutos despois Sylla fixo o segundo. A pesar do mazazo, os rianxeiros non lle perderon a cara ao encontro e intentaron acurtar distancias. Os locais quedaron cun home menos e o Unión usouno ao seu favor para meter o 2-1 no 37, obra de Borja Garrido. Pero xusto antes do descanso, no 45+2, o Córgomo colocou o 3-1 dende o punto de penalti. José Luis González optou por introducir cambios, pero o gol seguía sen chegar. Aínda que si o fixeron dous tantos máis dos locais, no 72 e no 75 que deixaba o encontro moi costa arriba para os de Rianxo. Xa ao fío do final, no 83, Sergio Nieto marcou o definitivo 5-2.

Dura derrota do Unión que pechou a eliminatoria cun global de 5-3. Este resultado deixa aos de Asados fóra da promoción de ascenso, do soño de alcanzar novamente a Preferente. Pero finalizan unha campaña boa co arroupo e ánimo da súa afección por todo o conseguido no campo. Agora o Córgomo xogarase a praza ante o Marín.

Salir de la versión móvil