Icono del sitio CanalBarbanza.com

MÁIS DE 50 EQUIPOS ESTARÁN NO TORNEO DE FÚTBOL OITO DO TARAGOÑA

O fútbol base terá aínda presenza neste final de temporada grazas aos torneos impulsados polos clubs da comarca. Estase a disputar a Copa Sálvora e a finais deste mes de xuño será a quenda da competición de fútbol oito organizada polo Taragoña. Trátase do segundo torneo de fútbol base de verán impulsado polo club rianxeiro e pensado para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín de fútbol oito.

Esta última será a primeira en disputarse xa que arrancará a competición alevín o 20 de xuño. O 27 será a quenda do prebenxamín e o 29 a do benxamín. A sede será o campo municipal da Lomba e están confirmados xa 48 equipos chegados de todos os puntos de Galicia e dalgúns puntos de Portugal.

Esta edición contará tamén co torneo de fútbol sénior feminino de fútbol sete como conmemoración co cincuenta aniversario do Taragoña. Con esta cita ábrese o proxecto conmemorativo do club e vivirase o vindeiro 6 de xuño e hai confirmados oito equipos.

O torneo será a xornada completa: arrancará pola mañá e finalizará á tarde. Disputarse en formato de liguilla e eliminatorias e haberá un máximo de 16 equipos inscritos por categoría. O Taragoña vivirá por segunda vez este torneo que se organiza para desfrutar dunha xornada lúdica e deportiva onde o importante é participar do fútbol.

Salir de la versión móvil