O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe, durante unha xuntanza co alcalde de Porto, Rui Moreira, competencia leal e cooperación honesta para intensificar a relación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal.
Na reunión, ambos os mandatarios apostaron por renovar e actualizar permanentemente os lazos entre os territorios para, xuntos, facer máis Europa; así como afondar e ampliar a todos os niveis posibles a cooperación transfronteiriza e reforzar conxuntamente a cooperación con Latinoamérica. E coincidiron en que Galicia e Porto comparten horizontes e obxectivos nun momento decisivo para España e Portugal, que están a avanzar cara adiante tras anos difíciles, e decisivo tamén para o conxunto de Europa co escenario que se abre tras o Brexit.
Sobre esta liña, o titular da Xunta e Rui Moreira incidiron no compromiso de profundar na colaboración, “porque esa é a forma de facer máis Europa”, afirmou Feijóo, destacando que a cooperación fixo posible que os dous territorios conten cun micromercado común de máis de seis millóns de persoas e co apoio das institucións europeas para o desenvolvemento de proxectos en distintas materias como a innovación, a investigación e a tecnoloxía.
Ao longo da xuntanza, o titular da Xunta agradeceu ao alcalde de Porto a súa invitación para visitar a cidade e a entrega da Medalla de Honor, “un incentivo –asegurou- para seguir afondando nas relacións que galegos e portugueses mantemos desde hai tanto tempo”.
https://www.youtube.com/watch?v=Mi3MWPFXiOo